Acoitelan o condutor dun camión do lixo en Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O condutor dun camión de recollida de lixo da empresa Cespa foi acoitelado ás 2.26 horas da madrugada deste venres na urbanización de Monte Porreiro. Foi o propio ferido, un home de 40 anos, quen chamou aos servizos de emerxencia.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional o presunto agresor é un veciño do barrio, de 26 anos de idade, que saíu ao paso do camión de recollida para recriminarlle que circulase en sentido contrario pola rúa.
Tras discutir co chofer do camión este home supostamente apuñalouno no costado. Segundo os servizos sanitarios, o seu estado é "menos grave" e a última hora da mañá deste venres foi ingresado xa nunha habitación en planta do Hospital de Montecelo.
O agresor tamén se atopa ingresado no Hospital Montecelo. Cando atacou ao traballador parecía atoparse baixo o efecto dalgunha substancia, resistíndose despois ao arresto por parte dos axentes da Policía Nacional, sendo necesario que os servizos sanitarios lle administraran un calmante. Foi posteriormente detido por un delito de lesións, pero foi necesario o seu traslado ao hospital, onde permaneceu en todo momento custodiado por axentes policiais.
Este individuo ten numerosos antecedentes, algúns deles por agresión. Durante varias horas deste venres ingresado en estado de sedación no hospital pontevedrés, pero a media tarde recibiu a alta hospitalaria e foi trasladado á Comisaría Provincial da rúa Joaquín Costa, onde permanecerá ata que na mañá deste sábado sexa posto a disposición do Xulgado de Garda.