Barro investirá 50.000 euros nos parques infantís do municipio
Por Redacción
Ata 50.000 euros investirá o Concello de Barro ao longo deste ano na mellora dos parques infantís do municipio. Así o anunciou este luns o goberno municipal que sinalou que o obxectivo e que os nenos da vila poidan gozar de espazos de lecer adecuados.
Así, o Concello vai crear un novo parque en Cangrallo, que está orzamentado en preto de 29.000 euros, e investiranse outros 21.000 euros en mellorar o de Agudelo, o de San Antoniño, o de Valiñas e o de Barosa, pois algún deles presenta un estado lamentable despois de moitos anos de abandono.
Ditas melloras van consistir na substitución do pavimento no parque de Agudelo, a reforma do de Valiñas, a reparación dos elementos de xogo existentes en Agudelo, Valiñas e Barosa e a reposición de algúns elementos que faltan.
No parque de San Antoniño vaise substituír a grava existente no seu perímetro, e que representa perigo e molestias, por un pavimento sintético. Neste parque xa se colocou nestes días unha fonte para que os nenos que o utilizan a diario teñan onde beber.
Estas medidas vanse executar, segundo o goberno municipal, debido ao deterioro que presentan varios dos parques do concello, "polo abandono ao que estaban sometidos dende hai anos".