Cuntis mellorará a eficiencia enerxética de tres edificios municipais con biomasa
Por Redacción
A Casa Consistorial, o centro de formación ocupacional A Ran e o centro sociocultural e xuvenil José Raído 'Patelas' -que acolle a oficina de información xuvenil OMIX- de Cuntis mellorarán a súa eficiencia enerxética como resultado do proxecto para o aforro e eficiencia enerxética nas entidades locais impulsado pola Xunta de Galicia e ao que se adheriu o Concello.
O Concello resultou beneficiario dunha axuda do Instituto Enerxético de Galicia que implicará realizar nas tres instalacións un investimento de 85.000 euros, dos que o Concello achegará o 25 por cento a administración autonómica o resto.
O alcalde, Manuel Campos, destaca a través dunha comunicación oficial que con este proxecto en tres edificios municipais o Concello de Cuntis fai unha aposta pola eficiencia enerxética e a utilización de enerxías renovables.
No caso da Casa Consistorial, instalarase un sistema de biomasa con caldeira de pellets destinada á dotación dun sistema de calefacción. O sistema permite a xestión do combustible mediante unha sonda de cámara de combustión e un sensor de presión cun rendemento do 93 por cento.