Pontevedra terá o campus máis internacional da universidade privada de Afundación
Estudantes chineses e irlandeses serán os primeiros que reciban formación no campus que o Instituto de Educación Superior intercontinental da Empresa (IESIDE) terá en Pontevedra.
Así llo trasladou este mércores o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no encontro que ambos mantiveron no Concello de Pontevedra.
O IESIDE, impulsado por Abanca e Afundación, é institución universitaria privada galega orientada á empresa que enriquecerá a oferta da actual Escola de Negocios.
Segundo trasladou o alcalde ao finalizar a súa entrevista con Escotet, reitor presidente de IESIDE, este instituto contará cos servizos da residencia de estudantes situada en Pontevedra e como soporte adicional dispoñerá do resto de edificios de Abanca e de Afundación.
O seu catálogo formativo incluirá programas académicos presenciais, on-line e de tipo híbrido, así como cursos corporativos dirixidos a empresas.
A oferta programada para o ano académico 2016-2017 inclúe os actuais programas oficiais de grao en Administración e Dirección de Empresas, o máster universitario MBA, seis títulos duais Bachelor in Business Administration/ADE coa Dublin Business School e un total de 26 titulacións propias de máster, especialista e experto.
Esta universidade terá 14 profesores a tempo completo, 52 profesores asociados, 4 profesores estranxeiros visitantes e 350 profesores colaboradores. O seu obxectivo é duplicar os 1.800 estudantes da Escola de Negocios Afundación nun prazo razoable de tempo e, ademais de Pontevedra, conta con sedes na Coruña e Vigo.
"Que sigan mantendo unha actividade formativa na antiga Caixanova a min paréceme moi positivo", valorou o alcalde tras a reunión con Escotet quen abandonou as dependencias municipais sen querer facer declaracións aos xornalistas.