O Tribunal Supremo confirma a sentenza que ordena demoler parte dun edificio de Construcuatro en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación presentado pola empresa Construcuatro e a comunidade de propietarios do edificio Valle Inclán contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obriga a derrubar parte da súa fachada. A obra foi levantada cando Telmo Martín era alcalde e conselleiro delegado da empresa construtora.
O fallo xudicial foi comunicado por Salvemos Pontevedra, a asociación que interpuxo a denuncia contra Construcuatro pola construción do edificio de seis plantas de Construcuatro en pleno paseo de Silgar.
Unha parte do edificio invade os 20 metros de protección da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre, polo que a Xunta non lle pode outorgar unha autorización sectorial ao carecer de competencias.
A sección quinta da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo ditou esta sentenza o pasado 24 de xuño desestimando todos e cada un dos argumentos dos recorrentes, impoñéndolles as costas do procedemento.
Entre os pronunciamentos que merecen destacarse nesta sentenza, establece que "a servidume de protección trata de subtraer unha determinada franxa de terreo do uso e goce privado, opoñéndose a calquera intromisión construtiva dentro dos seus límites, intromisión que non só se produce por ocupación do chan, senón igualmente cando é o voo do edificio o que se penetra na zona protexida".
O Tribunal Supremo emenda á Xunta e á Demarcación de Costas, sistematicamente favorables á empresa, e manda tirar a parte da fachada que invade a servidume.
Como contra esta sentenza non cabe recurso, Salvemos Pontevedra solicitou a execución da sentenza, ordenando a Construcuatro que devolva ao seu estado anterior os terreos da servidume de protección invadida polas obras e condenando á administración para ditar de modo inmediato a consecuente orde de reposición, outorgando ao promotor un prazo dun mes para levala a efecto, con apercibimento de execución forzosa en caso de non levarse a cabo.