Pontevedra pon en marcha un programa de atención a fillos de vítimas da violencia de xénero
Por Redacción
Dez menores son os que, inicialmente, asistirá o programa do Concello de Pontevedra para apoiar a menores superviventes da violencia de xénero. Se trata de nenos de entre 4 e 17 anos aos que se lles prestará atención psicolóxica e acompañamento emocional para calmar as secuelas da violencia sufrida.
A experiencia amosa, segundo a concellería de Benestar Social, que os fillos das vítimas de violencia de xénero "son espectadores pero tamén actores e protagonistas da mesma". Viven nun ambiente confuso e de abuso de poder onde as nais e pais, inmersos na súa propia situación, non poden ou non saben prestar os coidados e apoios que necesitan.
A exposición a este tipo de violencia fai que os nenos, sexa cal sexa a súa idade, teñan que enfrontar unha serie de consecuencias adversas psicolóxicas e afectivas, de comportamento e socialización e tamén físicas.
O Centro de Información á Muller (CIM) aportará á terapeuta información sobre a historia da muller vítima da violencia de xénero coa fin de deseñar un acompañamentos personalizados para cada menor.
Os obxectivos a acadar coa intervención -pensada como 15 sesións de traballo terapéutico- son facilitar a expresión emocional da violencia sufrida polos nenos, traballar os sentimentos de culpa, definir os comportamentos violentos e expresar as emocións que deles se derivan, promover a autoprotección e aprender a resolución non violenta de conflitos, potenciar a competencia social dos menores, mostrar que as reaccións igualitarias entre persoas son posibles e que son máis satisfactorias que as de submisión-dominio e fomentar a autoestima reforzando e validando os sentimentos expresados.
Benestar Social ten previsto pór en marcha o programa de intervención de menores superviventes da violencia de xénero o próximo mes.