Aumentan as peticións de axuda por parte de pontevedresas soas con fillos ao seu cargo
Por Redacción
A Concellaría de Benestar Social Municipal (BSM) celebrou esta semana a reunión da Comisión de concesión das Axudas de Emerxencia Social do mes de maio.
No que vai de ano a Concellaría ten adxudicado 56.354,79 euros nestas axudas (a partida anual para estas adxudicacións é de 135.000 euros) a 47 solicitudes para un total de 127 beneficiados.
A Concellaría de Benestar Social Municipal detecta un incremento de familias monoparentais femininas con menores ao seu cargo.
Até o de agora a maior parte das solicitudes unipersoais eran de varóns indixentes, cota que se vai reducindo co paso dos meses.
Esta mesma semana o departamento de Benestar Social tamén celebrou a comisión para a adxudicación das axudas de emerxencia para as vivendas sociais de Valdecorvos, unha convocatoria extraordinaria acordada pola Concellaría para que as familias usuarias de Servizos Sociais puidesen iniciar a súa "nova vida" sen especiais cargas económicas. Estas axudas estaban pensadas só para o pago de fianzas, seguros, conexións dos servizos e primeiras cotas das vivendas.