Desestiman o recurso de Termas de Cuntis pola leira da piscina municipal
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de desestimar o recurso interposto por Termas de Cuntis no que reclamaba a devolución da leira de Budeón, onde se atopan as piscinas municipais, e a Horta Reitoral, en poder do Concello desde a firma do Convenio Termal de 1994.
Na súa sentenza o alto tribunal galego sostén que "non se aprecia base" para a estimación do recurso de apelación.
Isto significa que haberá que continuar co desenvolvemento urbanístico do SAU-4.
A sociedade que xestiona o histórico balneario do municipio presentara un recurso de apelación contra a sentenza ditada hai dous meses polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra que obriga á administración local a cumprir a permuta que contempla o acordo que asinaron no seu día as dúas partes implicadas. É dicir, que o Concello aprobe o desenvolvemento urbanístico necesario para poder trasladar a infraestrutura municipal de Budeón a unha leira rústica en Castrolandín, nos arredores do centro urbano.
O xulgado advertía ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos que se non iniciaba os trámites deste desenvolvemento urbanístico sería multado con 600 euros, como finalmente ocorreu.
O fallo xudicial do TSXG é firme e contra el non cabe recurso.
Relacionadas:
-
O Xulgado pide ao Concello de Cuntis a execución do Convenio Termal sobre as piscinas municipais
Por Redacción |
-
Termas de Cuntis pide permiso para ampliar as instalacións e converterse no "maior centro balneoterápico de España"
Por Redacción |
-
A empresa "Termas de Cuntis" mostra o seu interese no proxecto do Balneario de Ponte Caldelas
Por Redacción |