Cotobade activa un plan de mellora de pistas
Por Redacción
O Concello de Cotobade acaba de activar un plan de mellora de pistas que beneficiará a 13 viais municipais pertencentes a oito parroquias, que son as de Caroi, Valongo, Augasantas, Borela, Rebordelo, Almofrei, Tenorio e San Xurxo de Sacos.
Os traballos de reparación e conservación encargados polo goberno local realizaranse nos viais Camiño de Caroi-Cardosa, Campo Ceraje, estrada de Fental, Valongo-Chielas, A Coutada-Mataporcos, Pazos de Borela, Rebordelo-Facho, A Xesteira-Os Palleiros-Tenorio, Parada de Tenorio, o interior de Vilanova, Fentáns-San Xurxo de Sacos, Borela e Tenorio.
A actuación proxectada nestas pistas municipais consistirá na preparación da superficie da calzada, a dotación dun rego de adherencia con emulsión asfáltica e mistura bituminosa en quente, a consolidación e compactación do bacheo e o selado final.
Para o plan estival de mellora de pistas o Concello de Cotobade ten reservada unha partida que rolda os 30.000 euros, xa que o orzamento global destas obras de reparación e bacheo ascende a 23.600 euros, aos que hai que engadir o importe do IVE. Os traballos serán realizados pola empresa Edigrup Global Obras y Servicios.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, pretende que estos traballos se acometan á maior celeridade posible durante as vindeiras semanas co obxectivo de deixar as pistas municipais "en perfectas condicións" reparando os danos que sufriron, como é habitual, polos efectos da climatoloxía adversa do inverno.
Cubela sinala que o plan de mellora de pistas elaborado polo Concello "responde ás necesidades máis urxentes da rede viaria municipal" despois de analizar o deterioro ocasionado polo frío e a choiva durante estes últimos meses en todas as pistas.
"Imos deixar as estradas municipais en moi boas condicións para que a circulación sexa o máis fluída posible durante este verán", manifesta Cubela, que pedíu comprensión aos veciños polas pequenas molestias que se poidan causar durante os traballos.