Liberan unha persoa que quedara atrapada ao envorcar o seu turismo e caer nun barranco en Cuntis
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida a primeira hora da mañá deste mércores tras verse implicada nun accidente de circulación en Cuntis, ao envorcar o coche no que circulaba pola estrada N-640 e quedar atrapada no seu interior.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, o vehículo circulaba por unha zona en curvas á altura de Castro Loureiro cando, por causas que aínda se descoñecen, se saíu da vía e acabou envorcado nun barranco.
Un particular que pasaba pola zona e observou o vehículo no barranco alertou ao 112 sobre as 6.50 horas. Segundo apuntou, o vehículo quedara moi danado tras o accidente.
O persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Médicas, que enviou unha ambulancia, e do GES de A Estrada, que desprazou varios efectivos ata o lugar do sinistro cun equipo de excarceración para liberar á persoa. A continuación, foi trasladada polo persoal sanitario a un centro médico.
No operativo tamén participaron, como consecuencia do aviso do 112 Galicia, membros de Protección Civil e da Garda Civil. O Centro de Atención ás Emerxencias tamén alertou os Bombeiros do Salnés, aínda que finalmente non tiveron que intervir.