O PSOE pide explicacións polo gasto de 30.000 euros na exposición "propagandística" 'Teu Pontevedra'
Por Redacción
O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Agustín Fernández, pide explicacións ao goberno local pola exposición 'Teu Pontevedra' que se pode visitar desde o mes de abril na praza de Ourense e que, segundo as cifras que el manexa, supuxo un gasto de case 30.000 euros.
Fernández presentou un escrito no Concello polo que pide a "retirada inmediata" da exposición e unha reunión extraordinaria da Xunta de Voceiros para que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, dea explicacións acerca do contido da exposición e do seu custo.
Na opinión do socialista, esta exposición preséntase co obxectivo de darlle a coñecer aos cidadáns de Pontevedra os cambios e transformacións da cidade nos últimos 15 anos mediante un percorrido fotográfico e videografico, pero "a realidade é que se trata dunha simple excusa" para utilizar "gratuitamente" un espacio público e "aproveitarse dun orzamento" público con fins "claramente propagandísticos e partidarios".
Así, considera que con estra exposición o alcalde e o grupo municipal do BNG aprópianse da autoría de todos os cambios e transformacións, esquecendo que "son froito dun gran pacto cidadán" no que hai un "enorme protagonismo" dos vecinos, convertendo o contido da mesma nun acto de "ensalzamento personal e claramente partidista".
Para Agustín Fernández, o BNG está utilizando esa exposición como "campaña de autobombo", de modo que critica a utilización de cartos públicos para propaganda partidaria como algo "absolutamente inadmisible" e considera que debe ser retirado de inmediato e que o alcalde debe explicar o gasto feito no mesmo, utilizando o procedemento de contrato de servizos.
En relación co custo da exposición, indica que é "inaceptable" que se rexeiten propostas socialistas para mellorar a calidade de vida dos veciños de Pontevedra e, ao mesmo tempo, "se utilicen fondos municipais para axudar a campaña electoral do BNG", xa que o sentido que lle queren dar á exposición non o ve xustificado e o único que cre que tería sentido sería facela como elemento de atracción turística e trasladala a outras cidades para captar a atención de posibles viaxeiros.
Relacionadas:
-
A exposición sobre o modelo de cidade permanecerá tapada ata despois das eleccións
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello decidirá hoxe que facer con "Teu Pontevedra", tras aceptar a Xunta Electoral a denuncia do PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Teu Pontevedra, unha mostra do orgullo colectivo pola cidade
Por Redacción |