O Concello decidirá hoxe que facer con "Teu Pontevedra", tras aceptar a Xunta Electoral a denuncia do PSOE
Por Alejandro Espiño
A exposición Teu Pontevedra pode ter as horas contadas. O goberno municipal terá que tomar este martes unha decisión sobre a súa continuidade, ao admitir a trámite a Xunta Electoral de Zona a denuncia presentada polo PSdeG-PSOE.
Os socialistas entendían que esta mostra, instalada na Praza de Ourense, forma parte dunha "campaña electoral" do BNG e que fora financiada con fondos do Concello de Pontevedra, polo que non podía seguir instalada durante a campaña do 26-J.
Por agora, a Xunta Electoral non tomou unha decisión sobre o fondo da cuestión e dá varios días de prazo ao Concello para que presenten as súas alegacións.
Pero mentres tanto, a exposición non poderá permanecer aberta ao público. Dado o seu carácter de mostra ao aire libre, o goberno municipal terá que decidir se a retira ou se opta por tapala dalgunha maneira ata que se resolva a fase de alegacións.
En todo caso, desde o PSdeG-PSOE consideran que Teu Pontevedra incumpre a lei electoral que prohibe, desde a convocatoria das eleccións ata a súa celebración, campaña algunha de comunicación salvo aquelas que expliquen o proceso de votación ou as que se consideren imprescindibles para o correcto funcionamento dos servizos públicos.
Esta é "obvio", segundo os socialistas, "que non se pode encadrar en ningún destes supostos", xa que se trata dunha mostra sobre os cambios vividos na cidade na que "non aparecen os verdadeiros protagonistas, os veciños, nin o resto de formacións políticas", máis aló do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e diversos membros do goberno municipal "cun protagonismo especial" para Luís Bará, candidato do BNG neste 26-X.
Relacionadas:
-
A exposición sobre o modelo de cidade permanecerá tapada ata despois das eleccións
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE estuda levar á Xunta Electoral a exposición de fotografías de case 30.000 euros 'Teu Pontevedra'
Por Natalia Puga |
-
O PSOE pide explicacións polo gasto de 30.000 euros na exposición "propagandística" 'Teu Pontevedra'
Por Redacción |