O alcalde fai balance do primeiro ano de goberno e destaca a política de portas abertas aos veciños
Por Redacción
O primeiro ano do novo goberno municipal foi moi frutífero en Ponte Caldelas. O balance realizado polo equipo de goberno insiste en que o principal cambio producido dende a súa chegada á Alcaldía está relacionado coa relación cos veciños, pois a porta do despacho do alcalde, Andrés Díaz, está aberta de xeito permanente e recibe unha media de 10 visitas diarias, das que unhas oito corresponden a veciños que acuden ao Concello a resolver algún asunto.
As cifras da Alcaldía indican que, ao longo deste ano, atendéronse preto de 2.000 citas. Respecto disto, o alcalde explica que os primeiros meses foron "unha tolería porque había días que non tiña tempo para outra cousa", pero foi un contacto directo "realmente gratificante porque a meirande parte deses veciños nunca tiñan entrado antes na Alcaldía".
Ademais, realizáronse nestes doce meses visitas aos 33 núcleos de poboación do municipio e o goberno local ao completo celebrou asembleas veciñais abertas para recoller as inquedanzas e peticións da xente. A rolda de visitas rematou cunha longa listaxe de peticións e o compromiso firme de que en cada un deses lugares farase, cando menos, un investimento anual "na medida das posibilidades e do orzamento municipal".
O balance é que "non queda case ningunha familia sen pasar polo Concello". Todo grazas a un equipo de goberno tripartito que, logo das eleccións municipais de 2015, negociou un pacto, pero non chegou a asinalo porque "démonos conta que se decidiamos todo xuntos en función dos intereses dos veciños de Ponte Caldelas, tiñamos o mellor pacto posible".
Segundo Andrés Díaz, o pacto consistiu nun apretón de mans e en pasar moito tempo xuntos. "Hoxe digo moi orgulloso que Quique, Pili, Alfonso, José Manuel, Lito, Manolo e máis eu somos un grupo de bos amigos", engade á hora de facer balance dun ano no que o máis negativo foi a falta de apoio da Xunta de Galicia, que tan só aprobou un investimento de 33.000 euros en Ponte Caldelas. Ve esta cantidade como "insignificante"
Fronte a esa falta de apoio, asegura que a nova Deputación Provincial de Pontevedra se ten convertido nunha ferramenta útil para os pequenos concellos da provincia por medio da aprobación e xestión de plans de obras e actuacións transparentes e ecuánimes.
Entre as melloras pendentes no municipio, Andrés Díaz, destaca a obra de arranxo integral da estrada PO-234 (Laxoso-Augasantas), que une Ponte Caldelas con Cotobade, e a posta en funcionamento da Casa da Quintán, restaurada pola Xunta en 2008 para centro de día de persoas con discapacidade psíquica e pechada dende entón.
Relacionadas:
-
A plataforma de afectados pola PO-234 esixe que a estrada se reforme "dunha tacada"
Por Redacción |
-
O tripartito de Ponte Caldelas aproba o orzamento municipal
Por Redacción |
-
Andrés Díaz, primeiro alcalde socialista de Ponte Caldelas mentres que na Lama, Jorge Canda cumpre 20 anos como rexedor
Por Oskar Viéitez |