A xuizo por unha espectacular fuxida a máis de 110 qm/h polas rúas de Pontevedra
Por Natalia Puga
Un veciño de Marín deberá render contas este luns no xulgado por poñer en perigo a vida doutros condutores e persoas e por condución manifestamente temeraria durante unha espectacular fuxida pola rúas de Pontevedra. Conducía un BMW e intentaba escaparse da Policía Local tras protagonizar un accidente no que derrubou un semáforo. Na persecución chegou a superar os 110 quilómetros por hora.
O mozo está acusado dun delito de condución temeraria por uns feitos que se remontan ao sabado 2 de febreiro sobre as 7.30 horas da mañá. O vehículo que conducía viuse implicado nun accidente entre as rúas Manuel del Palacio e Fernández Ladreda, saíuse da vía e derrubou un semáforo.
En lugar de deterse, fuxiu, pero volveu pouco despois para recoller algunhas das pezas do seu BMW que quedaran na rúa tras a colisión supostamente para evitar ser identificado seguindo o rasto aos restos do vehículo. Tardou demasiado, pois xa fora localizado pola Policía Local e unha patrulla deulle o alto.
O condutor supostamente desoíu o mandato policial e comezou unha fuga a toda velocidade polas rúas Fernández Ladreda e Eduardo Blanco Amor cara a Salcedo. Na súa fuga puxo en perigo o resto de condutores e peóns, que se viron obrigados a apartarse da calzada para evitar un accidente, nalgúns casos chegando a realizar manobras bruscas para apartarse do camiño do turismo á fuga.
Durante todo o percorrido foi perseguido pola Policía Local, que constatou que superou os 110 quilómetros por hora, cando en todas as rúas do centro urbano a velocidade está limitada a 30. Nun momento da persecución, unha patrulla logrou adelanar ao BMW, pero o concuctor intentou arremeter o vehículo policial.
Nese momento, os axentes perdérono de vista, pero unha testemuña indicoulles que o vira dirixíndose cara á zona da Chamusca, en Salcedo. A Policía Local localizouno, pero acabou perdéndoo de vista. Pouco despois, logrou ser identificado a través dos datos do seu vehículo que foran recollidos pola Policía Local. Localizárono na súa casa de Marín ao segundo intento e quedou citado para este luns para un xuízo rápido.