O condutor que fuxiu da Policía a 110 qm/h polas rúas de Pontevedra perde o permiso durante un ano
Por Natalia Puga
O mozo de Marín identificado tras protagonizar unha espectacular fuxida da Policía Local a 110 quilómetros por hora polas rúas de Pontevedra nun BMW perderá o carné de conducir durante un ano.
O home acudiu este luns a un xuízo rápido no Xulgado de Garda de Pontevedra e recoñeceu os feitos acontecidos o sabado 2 de febreiro sobre as 7.30 horas, cando coa súa condución manifestamente temeraria puxo en perigo a vida doutros condutores e peóns, así como dunha patrulla da Policía Local.
Así mesmo, conformouse coa pena que lle solicitou o fiscal de garda, Augusto Santaló, como autor dun delito de condución temeraria. Ademais dun ano de retirada do permiso de concluír inclúe catro meses de prisión, se ven non entrará na cadea.
A secuencia dos feitos comezou cando o vehículo que conducía se viu implicado nun accidente entre as rúas Manuel del Palacio e Fernández Ladreda, se saíu da vía e derrubou un semáforo. Cando regresou para recoller as pezas do seu BMW que quedaran na rúa logo da colisión xa fora localizado pola Policía Local e unha patrulla deulle o alto.
Aí comezou unha fuga a toda velocidade polas rúas Fernández Ladreda e Eduardo Blanco Amor cara Salcedo, superando por momentos os 110 quilómetros por hora. Nun momento da persecución, unha patrulla logrou adiantar ao BMW, pero o condutor intentou arremeter ao vehículo policial.
Nese momento, os axentes perdérono de vista, pero unha testemuña indicoulles que o vira dirixíndose cara á zona da Chamusca, en Salcedo. A Policía Local localizouno, pero acabou perdéndoo de vista. Pouco despois, logrou ser identificado a través dos datos do seu vehículo que foran recollidos pola Policía Local. Localizárono na súa casa de Marín días despois e este sábado 9 de febreiro as dilixencias foron entregadas ao Xulgado de Garda de Pontevedra.