O PSOE de Cotobade pedirá un pleno extraordinario para reclamar unha comisión de control da fusión
Por
Os socialistas de Cotobade reclaman ao alcalde Jorge Cubela que poña en marcha unha comisión de seguimento das alegacións ao proceso de fusión con Cerdedo. A portavoz socialista, Lina Garrido, entende que existe falta de transparencia neste tema e considera que é necesario que todos os grupos que forman parte da corporación deben formar parte desa comisión de seguimento e mesmo outros colectivos sociais. Piden, ademais, que non se incorporen ao expediente novos informes que avalen a fusión.
Ante a negativa do alcalde expresada no último pleno, o PSOE de Cotobade solicitará a convocatoria dun pleno extraordinario para debater esta petición, que deberá formalizarse nun prazo de 15 días.
Os socialistas critican tamén a enquisa que se está realizando polo municipio sobre a fusión. Apuntan que está "manipulada" e que se fai con fondos públicos, cargando os gastos ao orzamento municipal.
Ademais, Lina Garrido afirma que o Concello enviou unha revista aos veciños que "lonxe de ser unha revista informativa é un boletín do Partido Popular e como tal debe ser pagado cos seus cartos".