Os pontevedreses celebran a chegada de Lorenzo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Por fin, un luns ao sol. O primeiro día da semana será unha xornada típicamente anticiclónica, polo que os ceos estarán pouco anubrados ou despexados en xeral. As temperaturas máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará frouxo do nordés.
Os técnicos de MetoGalicia sinalan que o martes continuaremos baixo a influencia do anticiclón das illas dos Azores.
Con esta situación agárdanse nas Rías Baixas ceos pouco anubrados ou despexados. Bancos de néboa matinais en zonas de interior, pouco persistentes. As temperaturas non experimentarán cambios significativos. Os ventos soprarán de compoñente norte, frouxos en xeral, con intervalos de moderado no litoral atlántico.
Xa o mércores, as altas presións moveranse lixeiramente cara ao sur de xeito que Galicia quedará nun área intermedia entre o anticiclón e as baixas que se moven polo Atlántico norte. Isto fará que teñamos os ceos parcialmente anubrados no noroeste, mentres que no resto da Comunidade estarán aínda pouco anubrados ou despexados.
Esta situación ocasionará un lixeiro descenso das temperaturas. Os ventos soprarán frouxos variables pola mañá e do noroeste pola tarde, con intervalos de moderado no litoral.
Entre o xoves e o vindeiro domingo as altas presións moveranse lixeiramente cara ao sur deixando a Galicia nun área intermedia, con ventos de compoñente oeste que achegarán aire húmido dende o Atlántico.
Deste xeito agardamos xornadas con ceos parcialmente anubrados e posibilidade dalgunha chuvia feble e ocasional, sempre máis probable canto máis preto do Atlántico. En canto ás temperaturas, os valores diúrnos descenderán, manténdose preto dos 20ºC, mentres que as madrugadas serán suaves, con mínimas no entorno dos 10ºC.