Falece o condutor excarcerado no accidente da variante de Marín
Por Redacción
Horas despois do brutal accidente que se produciu na variante de Marín, un dos implicados, a persoa que os Bombeiros tiveron que excarcerar dun dos vehículos, faleceu no Hospital Montecelo.
Trátase de Manuel Soage Loira, unha persoa moi coñecida non só en Marín senón en toda a comarca por ser, entre outros cargos, director territorial de Caixanova en Pontevedra.
El era o ocupante do coche que saíu peor parado do violento choque frontal que se produciu sobre as tres da tarde de onte sábado no lugar de Pardavila, no quilómetro 7 da VG-4.4, coñecida como variante de Marín.
O choque entre os dous turismos foi tan forte que un deles perdeu o motor, que quedou tirado sobre a calzada.
A condutora do outro coche puido saír polo seu propio pé do seu vehículo, aínda que tamén foi trasladada a Montecelo para ser atendida das feridas que sufría.
Manuel Soage Loira, de 57 anos e economista de profesión, foi executivo da antiga Caixa de Pontevedra e, tras os sucesivos procesos de fusión, sempre se mantivo en cargos directivos. Tras ser director territorial de Caixanova e posteriormente de Novacaixagalicia Banco, pasou a ser director de control de xestión de Novagalicia ata a súa prexubilación hai dous anos.
Foi ademais quen puxo en marcha o Seminario de Estudos Socioeconómicos Carlos Velasco.
Actualmente, ademais de actuar como asesor externo en diferentes empresas, colaboraba coa Federación Galega de Fútbol desde que Rafael Louzán se fixo coa presidencia. O seu rol no ente federativo era o de asesor económico.
Segundo puido saber PontevedraViva, a capela ardente de Manuel Soage quedará instalada no tanatorio de Marín, a partir das dos da tarde deste domingo. O funeral será este luns 16 de maio, ás cinco da tarde en Santa María.
Relacionadas:
-
Incrementan a adherencia do firme da Variante de Marín
Por Redacción |
-
A Xunta descarta, polo de agora, reducir a velocidade e opta por actuar sobre o firme da Variante de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Instan á Xunta a tomar medidas pola sinistralidade da Variante de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- Excarceran o condutor dun coche tras un brutal accidente na variante de Marín
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |