Incrementan a adherencia do firme da Variante de Marín
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciou este xoves, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a colocación do microaglomerado previsto entre os quilómetros 6 e 7 na Variante de Marín (VG-4.4) coa intención de reducir os accidentes nesta zona.
Nos últimos días, fíxose unha medición do estado do firme e, a pesar de que os valores rexistrados acadaban os niveis esixidos, acométese esta actuación para incrementar a adherencia no tramo.
Estes traballos teñen como fin mellorar as condicións de circulación nunha vía que está aberta ao tráfico na súa totalidade dende o ano 2012, e que cada ano soporta unha maior cantidade de tráfico, sobre todo nos meses de verán.
Dende a consellería insistiron en suliñar que a Variante de Marín é unha vía de altas prestacións e polo tanto "moito máis segura que unha estrada convencional", a pesar de ser unha vía cun carril para cada sentido de circulación.