O PP pide rebaixas fiscais no IAE para empresas do extrarradio que facturan un millón de euros anuais
Por Anxo Lourido
O Partido Popular reclama a elaboración dunha nova Ordenanza sobre o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e culpa ao goberno local de que 121 rúas de Pontevedra pasasen a ser consideradas da máxima categoría nos últimos anos, provocando que as empresas que se atopen nestas zonas teñan que tributar polo IAE, un imposto que deben abonar aquelas sociedades que facturen máis dun millón de euros anuais.
Trátase dunha "opresión fiscal", segundo sinalou o concelleiro César Abal. No PP entenden que terían que pagar menos as grandes empresas situadas no arrabalde que as que se atopan no centro da cidade.
Abal, acompañado polo concelleiro do seu mesmo grupo, Rafael Domínguez, apuntou que o goberno local ten un afán recadatorio e no PP piden a modificación da ordenanza actual sobre esta taxa ao considerala discriminatoria, insolidaria e non progresiva. Tamén reclaman a aplicación de beneficios fiscais para estos negocios de nova creación; para empresas que manteñan a súa actividade aínda con perdas e para as empresas que incrementen o número de traballadores.
Sinalan que o goberno local obtén máis de 2 millóns de euros anuais como consecuencia da aplicación desta tributación ás 300 empresas do municipio obrigadas ao pagamento.
Os populares sinalaron que unha empresa establecida na Benito Corbal tributa o mesmo que unha situada en Mollabao, Juan Bautista Andrade, O Gorgullón ou na Parda, atendendo ao coeficiente de ponderación. Os dous concelleiros, con todo, incorreron durante a rolda de prensa nun erro ao asegurar que todas as empresas estaban obrigadas a pagar este imposto cando o IAE só se aplica a aquelas entidades que facturan máis dun millón de euros anuais. Unha medida que adoptou o goberno de José María Aznar en 2002 aplicando a exención deste imposto para as pequenas e medianas empresas.
Minutos máis tarde da comparecencia pública rectificaron e recoñeceron que a medida só afecta ás grandes sociedades e a entidades bancarias. En todo caso, mantén os termos desta proposta que será levada á próxima comisión de Economía e na que solicitarán o beneficio fiscal para estas grandes empresas.
Relacionadas:
-
A corporación apoiará o nomeamento de Sabino Torres como fillo predilecto de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Diego Torrado & Mónica Patxot |
-
O PP de Sanxenxo reclama bonificacións fiscais e a baixada do IBI
Por Redacción |
-
O Concello recada case 500.000 euros trala revisión do IAE ás grandes empresas
Por Alejandro Espiño |