O PP de Sanxenxo reclama bonificacións fiscais e a baixada do IBI
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular presentou este venres no Rexistro do Concello dúas mocións para o seu debate e votación no pleno ordinario que terá lugar o luns día 30 de maio.
Na primeira moción solicitan que se inicie o expediente para facer unha rebaixa do IBI, xa que cos datos actuais consideran que o Concello está en condicións de facer unha rebaixa de, como mínimo, un 20% para o ano 2017. A maiores desta redución, propoñen incluír bonificacións de ata o 90% a familias numerosas ou en zonas con menos servizos, e ata o 50% a vivendas con medidas de aforro enerxético, entre outras.
Nesta moción tamén se insta ao goberno a que estude bonificar con axudas de ata un 50% sobre o importe para pagar do IBI, cando se trate da vivenda habitual e se estea empadroado en Sanxenxo.
A segunda das mocións versa sobre a participación no Consello de Administración de Nauta Sanxenxo, e pretenden con ela que se inclúa neste Consello a membros de todos os grupos políticos con representación na corporación municipal, así como ao concelleiro independente e a representantes dos sectores económicos e sociais do Concello.