O Concello recada case 500.000 euros trala revisión do IAE ás grandes empresas
Por Alejandro Espiño
Preto dunha trintena empresas que facturan anualmente máis dun millón de euros estaban tributando mal polo imposto de actividades económicas (IAE). Así quedou reflectido tras unha inspección realizada por unha asistencia técnica. En total, o Concello de Pontevedra ingresará 494.448,53 euros por este concepto. Trátase de cantidades correspondentes aos exercicios económicos entre 2010 e 2013.
Segundo informou o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, practicamente todas estas empresas "ingresaron todo", pero algunhas delas aínda teñen marxe para facelo xa que se encontran no período voluntario de pagamento. Case todas asinaron, dixo, a acta de conformidade coas novas liquidacións. Trátanse de compañías de diferentes sectores como industriais, reparación de vehículos ou centros comerciais.
Nas trinta inspeccións realizadas comprobouse que 26 delas tributaban de menos -con cantidades que oscilan entre os 359 e os 76.389 euros-. Ademais, outras tres tiñan todo en regra e unha última empresa non atendeu aos requirimentos realizados.
Ademais, tras esa revisión tamén aumenta o "censo" destas empresas. Antes deste estudo estas compañías tributaban anualmente uns 193.000 euros ao Concello -segundo datos de 2013-, mentres que a partir de agora serán 303.000 euros, é dicir, 110.000 euros máis en cada exercicio.
Este traballo enmárcase, dixo Raimundo González, na liña de "eliminar ás posibles bolsas de fraude", de forma que haxa "equidade impositiva" entre todos os cidadáns de Pontevedra. De feito, "tamén saltou o caso dunha empresa que nin sequera estaba dada de alta", explicou.
Neste sentido, recordou as actualizacións que se realizaron recentemente para dar de alta no IBI a novas edificacións ou a inmobles que fixesen obras nos últimos anos, ou no censo de empresas de telefonía, electricidade ou gas.