A Mancomunidade do Salnés redactará un Plan estratéxico de Turismo
Por Redacción
Gonzalo Pita, alcalde de Sanxenxo e responsable da área de Turismo na Mancomunidade do Salnés, anunciou esta martes a elaboración dun Plan Estratéxico de Turismo para toda a comarca.
Pita anunciou esta decisión da mancomunidade no transcurso da firma dun convenio bianual coa Axencia de Turismo de Galicia, a través do que o departamento que dirixe Nava Castro achegará 200.000 euros ata 2017 que, sumados aos 100.000 que poñerá a mancomunidade, permitirá traballar na consolidación deste xeodestino.
Gonzalo Pita adiantou que o Plan Estratéxico de Turismo, para o que a mancomunidade xa está a barallar orzamentos que permitan a adxudicación da súa elaboración a unha empresa especializada, terá como liñas básicas a aposta pola especialización en mercados internacionais, nos que Portugal terá unha incidencia especial no que a turismo de proximidade refírese pero coa mirada posta no Reino Unido, Alemaña e Rusia.
O responsable de Turismo da mancomunidade, Gonzalo Pita, explicou que ata o momento 16 operadores de turismo estranxeiros participaron xa en Framp Trip e visitas comerciais organizadas pola Mancomunidade do Salnés. Deles, once comercializan xa paquetes turísticos que teñen a comarca como destino, co que o retorno destas accións promocionais comeza xa a deixarse notar.
Para os próximos meses, Gonzalo Pita confirmou que está xa case pechada a axenda de accións a desenvolver, entre as que cabe destacar a visita de tourperadores, acompañados de xornalistas especializados, de Reino Unido en xuño e unha delegación rusa visitará O Salnés en setembro. Será tamén no outono cando a mancomunidade visitará a embaixada española en Rusia para promocionar O Salnés naquel mercado.
"Temos moi claras cales son las líneas de traballo que queremos desenvolver a través da mancomunidade e este convenio que hoxe asinamos danos un apoio importante para desenvolvelo. Os concellos que formamos parte da mancomunidade debemos estar orgullosos de todo o noso potencial e promociónalo para conseguir unha desestacionalización que é moi necesaria para o sector", explicou Gonzalo Pita, que insistiu en que o Plan Estratéxico co que traballa a mancomunidade, elaborado hai unha década, está xa obsoleto.
E é que este documento incluirá ademais a aplicación das novas tecnoloxías na promoción e comercialización dos produtos turísticos da mancomunidade e a aposta polos "destinos intelixentes".
Relacionadas:
-
O Ministerio de Economía cofinanciará os proxectos de turismo intelixente da Deputación e a Mancomunidade do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo e O Grove solicitarán conxuntamente unha axuda para ser destinos turísticos intelixentes
Por Redacción |
-
O Salnés e o norte de Portugal estreitan lazos a través de Ponte de Lima
Por Redacción |