Unha zona verde arborada presidirá a entrada ao campus universitario
Por Alejandro Espiño
Avanza a humanización do campus de Pontevedra. Tras completar a senda ciclista pola Avenida de Compostela e a rúa Celso Emilio Ferreiro, a Universidade de Vigo asumirá agora a mellora da zona verde situada na entrada dos terreos universitarios.
O obxectivo é converter toda esa área nun espazo de esparexemento ligado á actividade educativa do campus.
O proxecto universitario, segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, inclúe a construción dunha pasarela de madeira en rampla que salve o desnivel que hai na zona cara a Avenida de Compostela e garanta a accesibilidade á zona da Xunqueira.
Ademais tamén contempla o coidado xeral deste espazo público, hoxe moi descoidado, cun axardinamento, a plantación de árbores, a colocación de mobiliario urbano e a instalación dunha futura rede de iluminación. Tamén habilitaranse sendas peonís a través de todo este ámbito.
Así, o campus recupera para o uso da comunidade universitaria un amplo espazo que ata o de agora estaba inutilizado, converténdose nunha adecuada porta de entrada ao campus.
O investimento previsto para esta nova fase de humanización é de algo máis de 54.000 euros.