O Concello e a Universidade mellorarán os accesos ciclistas entre o campus e o centro da cidade
Por Redacción
Mellorar a conexión para os usuarios da bicicleta entre a ponte de Santiago, as rúas Alexandre Bóveda e Celso Emilio Ferreiro co campus de Pontevedra. Así se expón o proxecto que desde a concellería de mobilidade urbana acometerase unha vez que se asine un convenio coa Universidade de Vigo durante meses de xaneiro e febreiro do ano 2016, tal e como confirmou o concelleiro Luís Bará durante a mañá deste martes 29.
Trátase dunha iniciativa que contempla a creación dun carril bici e a mellora dos pasos peonís en Alexandre Bóveda e Celso Emilio Ferreiro. O orzamento ascende a 120.000 euros, que serán financiados entre o Concello e a Universidade.
Esta mellora da conexión entre o campus e o centro da cidade tratouse na comisión de mobilidade na que tamén se analizaron as propostas dos distintos grupos municipais para que formen parte da solicitude que se presentará á Unión Europea para optar ás axudas para reformas urbanas.
Neste sentido, Luís Bará informou de que o grupo municipal socialista presentará unha mellora da conexión do campus coa cidade a través do Burgo. As limitacións en canto a este proxecto atópanse en que o ministerio de Fomento só cedeu a titularidade da avenida de Compostela ata a rotonda de Pasarón. Pola súa banda, o Partido Popular manifestou as súas críticas ao proceso de tramitación deste proxecto que se atopa aberto ata este mércores 30 a achegas polos diferentes grupos políticos. O prazo para presentar a proposta ás autoridades europeas finaliza o día 13 de xaneiro e o obxectivo é lograr ao redor de 15 millóns de euros de fondos. Marea Pontevedra e Ciudadanos non presentaron ningunha iniciativa, segundo manifestou Bará.
AMBULANCIAS NO HOSPITAL PROVINCIAL
Marea Pontevedra si aproveitou a comisión de mobilidade para trasladar as queixas que recolleron dos condutores de ambulancias polas dificultades que se atopan para manobrar na contorna ao Hospital Provincial. Luís Bará sinalou que o goberno local non tiña constancia desas queixas pero estudarán a retirada dos valos que acoutan a obra da praza e mesmo algún aparcadoiro para facilitar o acceso a Urxencias do centro hospitalario.
Esta petición será trasladada aos técnicos municipais e á empresa encargada da obra.
Relacionadas:
-
Unha zona verde arborada presidirá a entrada ao campus universitario
Por Alejandro Espiño |
-
O PP propón a implantación dun servizo voluntario de Policía local en bici
Por Redacción |
-
Os socialistas presentan as súas propostas ao Concello para a convocatoria de Fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra volverá a optar a fondos europeos, con críticas do PP ao proxecto do goberno local
Por Redacción |