Cuntis pide caucho
Por Redacción
O Concello de Cuntis quere converterse en municipio vinculado co sector do caucho. O interese? Lograr alomenos 50 postos de traballo directos.
Unha empresa do sector está interesada en instalarse nos antiguos terreos e naves de IKF-Cedonosa, na zona industrial de A Ran de Cuntis, e o alcalde, Antonio Pena, está disposto a realizar todas as xestións necesarias para conseguir que se dinamice a actividade económica do municipio.
Este xoves reuniuse co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, para estudar axudas que a institución provincial podería otorgar á citada empresa.
A firma xa ven mantendo xuntanzas dende fai tempo co alcalde e, en próximas datas, presentará o seu plan de viabilidade. Por esta razón Antonio Pena quixo coñecer da man de Louzán as posibilidades de conceder algunha axuda para facilitar a súa radicación en Cuntis. Con este mesmo obxecto, manterá tamén próximamente un encontro co conselleiro de Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
Pena mostrouse esperanzado en lograr que a mencionada empresa se implante en Cuntis en breve pois, "non só aportará 50 ou 60 postos de traballo senón que incidirá nun sector importante da nosa economía".