Costas espera finalizar antes do verán o paseo de Loira
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Medio Ambiente a través da Dirección Xeral de Costas está a executar as obras da ampliación do paseo en Loira.
O obxectivo é que este verán se poida gozar desta reforma, esperando que o tempo permita os seus avances, segundo comprometeron durante a visita á obra que este xoves realizaron a xefa provincial de Costas en Pontevedra Cristina de Paz, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo que asistiu cos concelleiros de urbanismo e medio ambiente.
As obras iniciáronse no mes de decembro, e nas primeiras semanas do ano estiveron paradas debido, entre outras cousas, a cuestións burocráticas e ás malas condicións do tempo.
Estes traballos pretenden xerar un espazo amable que mellorará os accesos para peóns, ampliando o paseo cunha pasarela de madeira voada e tratando de ordenar a circulación de coches e peóns nos cen primeiros metros da actuación, desde o punto en que finaliza o paseo actual.
O orzamento base para a licitación do mesmo ascende a 314.389,33 euros, "unha importante asignación que desde o Concello de Marín foise capaz de xestionar para que esta obra de mellora, urbanización da contorna dun enclave estratéxico pola súa localización, experimente unha mellora importante".
As obras levan a cabo co obxectivo de "mellorar ese lado da praia e conseguir que os accesos e a circulación conten cun espazo mellor, máis ordenado, que evite complicacións no verán e que sexa utilizado polos veciños que alí viven todo o ano de maneira cómoda e fácil". Pola súa banda, o concello realiza traballos de limpeza para sacar a area dos accesos.