Un coloquio sobre violencia de xénero inaugura o ciclo de conferencias do Rotary Club
Por Redacción
O Hotel Galicia Palace de Pontevedra acolleu este luns a primeira xornada de coloquios organizada polo Rotary Club para tratar temas de actualidade e importancia social como o acoso escolar, a vida saudable ou a violencia intrafamiliar.
A violencia de xénero foi o tema escollido para a primeira destas charlas na que participaron representantes de centros de ensino, asociacións escolares, servizos sociais, forzas de seguridade, xuíces e medios de comunicación como PontevedraViva.
Entre os participantes no coloquio, de título 'Causas e orixes da violencia de xénero', atopábase tamén a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que abriu o acto cunha exposición na que avogou por unha "resposta global e coordinada" como paso necesario na loita contra este problema, a través da asistencia integral ás mulleres vítimas de violencia machista e ás persoas ao seu cargo.
López Abella sinalou ademais que, ao seu xuízo, o principal escollo na loita contra a violencia machista é a falta de denuncia, xa que en 2015 só un 20% das mulleres asasinadas presentaran unha denuncia previamente.
A secretaria xeral de Igualdade destacou tamén os programas e recursos ofertados nos centros educativos de Galicia, con campañas orientadas a evitar o "sexting" ou as xornadas para profesionais, nais e pais nas que se abordaba o uso das novas tecnoloxías e a ciberviolencia, entre outras actuacións.
Por último, a titular de Igualdade repasou os recursos a disposición das vítimas de violencia de xénero, como son os 80 Centros de información á muller distribuídos por toda Galicia e as cinco casas de acollida da Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense, xunto co Centro de Emerxencia de Vigo.
A súa exposición deu paso a un interesante e animado coloquio, con intervención de moitos dos asistentes, que abordaron a cuestión desde distintos ángulos, achegando os seus diferentes puntos de vista encamiñados a mellorar a loita contra esta secuela social. Pechou o acto o presidente do Rotary Club de Pontevedra, Arturo Ramírez, dando as grazas aos participantes e mostrando a súa convicción de que co esforzo de todos hai esperanza para as vítimas, ata conseguir erradicar as orixes do problema.