Feijóo recibirá en Pontevedra a maior distinción que outorga Rotary International
Por Redacción
Os nove clubs rotarios que hai en Galicia (Betanzos, Ferrol, A Coruña, Lugo, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) decidiron outorgar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a maior distinción que outorga Rotary International, o Premio Paul Harris Fellow.
O presidente galego recibirá a distinción o próximo 31 de maio no transcurso dunha cea de gala conmemorativa do 30 aniversario de Rotary Club de Pontevedra á que asistirán autoridades e distintos representantes sociais e empresariais da cidade.
A cea celebrarase na leira Batacos e o prezo da mesma é de 35 euros. As invitacións poderán retirarse na recepción do Hotel Galicia Palace ou a través do mail rotaryclubpontevedra@gmail.com.
O Rotary Club de Pontevedra deu a coñecer este venres os actos previstos para celebrar os seus 30 anos desde a súa fundación en 1988. Ese mesmo 31 de maio, antes da cea, haberá un concerto benéfico a cargo da Real Filharmonía de Galicia.
O concerto terá lugar ás 20.00 horas no Pazo da Cultura e será en beneficio dos proxectos sociais da Fundación Humanitaria dos rotarios españois (FHRE). As entradas poderanse adquirir ao prezo de 20 euros a través do portal ticketea. com ou na oficina municipal de Turismo da Praza da Verdura.
Ademais, entre os días 1 e 3 de xuño a cidade de Pontevedra acolle a celebración da X Conferencia Rotaria do Distrito 2201, unha reunión de peche do ano rotario no que se presentan as accións e actos de todo o ano e valóranse os resultados dos proxectos realizados, ademais de compartir novos obxectivos.
O distrito 2201, ao que pertence o club de Pontevedra, comprende as comunidades de Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, Estremadura, Castela a Mancha e as Illas Canarias. Nesta X Conferencia do Distrito, na que o club de Pontevedra será anfitrión, espera contar coa presenza de máis de 250 rotarios de clubs de España e o estranxeiro.