Castelao defende os lombos e presenta alegacións contra a súa eliminación
Por Alejandro Espiño
Lombos si porque "conseguen un efecto que queremos todos", segundo o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, Juan Loureiro, que é a redución da sinistralidade viaria e do número de atropelos na cidade. Por iso, o colectivo presentou unha alegación contra a ordenanza de circulación que quere modificar a oposición para regular a instalación destes elementos reductores de velocidade.
Ademais desta alegación propia, Castelao fixo entrega este martes de máis de 1.100 alegacións individuais de persoas e colectivos que se suman a esta reivindicación.
Neste documento, segundo explicou Juan Loureiro, pídese ao Concello que non se tramite esta modificación da ordenanza de circulación pola vía de urxencia e que se elimine da reforma o artigo 78 bis que regula os lombos.
"Queremos que todo continúe como ata o de agora e se hai algún que modificar, que somos conscientes de que si, que se faga", explicou o dirixente veciñal, que sinalou que en todo caso os lombos habería que adaptalos non á normativa de Fomento, senón á aprobada recentemente pola Deputación que é, apuntou, "moito máis sensible" á situación da cidade de Pontevedra.
A federación veciñal rexeita que, como marca esta reforma da ordenanza, que no prazo de dous anos se modifiquen todos os lombos para adaptalos á recomendación estatal porque iso supoñería, dixo Loureiro, un desembolso económico "moi importante" para o Concello de Pontevedra.
Ademais, a aplicación "estrita" desta ordenanza provocaría un "problema" nas beirarrúas de moitas rúas, creando unha estética "controvertida" e supoñería a desaparición destes lombos nas estradas do rural "cando son os veciños os que os están pedindo".
Relacionadas:
-
Presentan 1.110 alegacións contra a ordenanza que pretende regular os lombos
Por Redacción |
-
Contundencia na Deputación a favor dos lombos: "Pontevedra é o noso referente"
Por Alejandro Espiño |
-
Un informe municipal avala ao Concello, segundo Bará, para non retirar os lombos
Por Alejandro Espiño |
-
A modificación dos 300 lombos de Pontevedra elevaríase a 2 millóns de euros
Por Redacción |
-
As primeiras consultas na sede electrónica do Concello foron: para pedir lombos!
Por Redacción |