Presentan 1.110 alegacións contra a ordenanza que pretende regular os lombos
Por Redacción
Un total de 1.110 alegacións presentáronse no trámite de exposición pública da modificación da ordenanza de circulación de Pontevedra, que pretende aprobar a oposición municipal para regular a instalación de lombos en todo o municipio, adaptando tanto os existentes como os futuros á normativa de Fomento.
Destas alegacións, 1.101 foron presentadas pola Federación de Veciños Castelao, sete de diferentes particulares, unha do arquitecto Jesús Fole e outra de Uxío Benítez, deputado responsable de Infraestruturas e Mobilidade na deputación pontevedresa.
O secretario do Pleno solicitará agora os informes pertinentes aos servizos que deban ter coñecemento desta resolución e tamén emitirá o seu propio informe para decidir, definitivamente, sobre a aplicación ou non desta modificación.
Desde o goberno municipal insisten en que a aplicación desta ordenanza supoñerá un grave problema económico e administrativo e implicará situacións "contraproducentes" nas vías urbanas.
Entenden que esta normativa obrigará a que as distancias entre lombos pasen de 50 a 200 metros, que non se poidan instalar nos primeiros 50 metros dunha rúa nin en viarias de menos de 200 metros ou cunha pendente superior ao 5%. Só poderíanse poñer en rúas con máis de dous carrís de circulación, terán que ter unha meseta de catro metros e a pendente da rampla será máis inclinada.
A iso suman, sinalan, a "deficiente" tramitación desta ordenanza que se fixo pola vía de urxencia, con informes en contra e sen dispoñer un estudo económico das implicacións que tería a aplicación da nova modificación.
Así, aseguran que seguirán apostando pola anulación desta modificación ou, alternativamente, que non se proceda á súa aprobación definitiva.