De Vilanova á Illa de Arousa, a través dunha senda-bici de 1,5 quilómetros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Unha senda-bici que se prolongará ao longo de 1,5 quilómetros fará máis seguro chegar entre Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa. As obras empezaron hai uns días e teñen un orzamento de 571.878,96 euros con cargo a fondos da Xunta de Galicia.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou a evolución das obras acompañado polo alcalde da localidade, Gonzalo Durán; o xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez; e o director de obra, Alfonso Tenorio. Trátase dunha senda con carril bici adxacente á estrada autonómica PO-306, na súa marxe dereita, no treito que conecta o paseo litoral de Vilanova de Arousa coa Illa de Arousa.
O proxecto contempla tres trazados, un deles urbano que é continuación do paseo litoral de Vilanova de Arousa e, a continuación, outro que continuará pola ponte do Terrón ao longo de 475 metros cun carril bici de 2,70 metros de ancho. Para a execución desta segunda fase haberá que anchear o voladizo da ponte na marxe dereita en 1,15 metros ao longo de 220 metros.
O terceiro tramo terá un carril bici de 3 metros de ancho, cunha gabia de seguridade de 1,25 metros que se interporá entre a pista bici e a beirarrúa. A lonxitude desta última fase será de 950 metros. En total, nos tres tramos escavaranse 3.820 metros cúbicos, levándose a cabo 3.270 metros cúbicos de recheos e creándose 845 metros de cuneta triangular revestida.
As actuacións non implican a realización de expropiacións, xa que todas as obras se executarán dentro da franxa de dominio público. Os traballos, que executa a firma Construccións Obras e Viais COVSA, teñen un prazo de execución de seis meses e están cofinanciados a través de fondos FEDER.
A execución desta senda-bici atópase contemplada dentro da Estratexia de Mobilidade Sostible que manexa a administración autonómica que, tal e como explicou o delegado territorial, "ten coma obxectivo o fomento do emprego da bicicleta, xunto ao desprazamento a pé, como modo de transporte habitual en Galicia".