Andrés Díaz di que o crematorio da Reigosa "leva gravados os nomes de Perfecto Rodríguez e Jacobo Moreira"
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, afirma que respecta as decisións xudiciais, pero non pode comprender que o grupo municipal do PP lle pida a dimisión "pola neglixencia e a nefasta actuación administrativo-urbanística na tramitación da licenza do crematorio de cadáveres da Reigosa por parte do anterior goberno local do PP, no que estaba á fronte Perfecto Rodríguez".
Díaz ve ao PP "totalmente desesperado" e critica a "incoherencia" duns concelleiros "recén chegados que tiveron que cubrir a desbandada ao completo do anterior grupo municipal do PP, unha vez que Perfecto Rodríguez decidiu fuxir de Ponte Caldelas".
"Os votantes xa fixeron dimitir ao responsable deste desatino, quen tras abandonar a política local buscou un bo emprego na Xunta de Galicia. Pero se os actuais concelleiros do PP queren esixirlle máis responsabilidades só teñen que ir buscalo a Santiago de Compostela", sinala Díaz.
Díaz Sobral destaca que mentres o anterior alcalde, Perfecto Rodríguez, "mentiulle á cara aos veciños e tramitou en segredo a licenza aproveitando que non existía a comisión de urbanismo e decidía directamente a alcaldía, o actual equipo de goberno de Ponte Caldelas cumpriu todos os seus compromisos para facer todo o posible nos eidos administrativo e xudicial, aínda que nos atopamos cos feitos consumados dunha licenza dada e cunha obra construída en tempo récord para limitar ao máximo as nosas posibilidades".
O actual rexedor caldelán lembrou que foi Jacobo Moreira, portavoz do PP en Pontevedra, o primeiro en sinalar A Reigosa como ubicación do crematorio; que a obra foi executada polo empresario Juan Perdiz e que a licenza foi concedida por Perfecto Rodríguez. "Os tres son militantes do partido conservador e mesmo teñen unha relación de amizade que non ocultan en concurridos actos populares, como no Pelete, onde comparten mesa e mantel", dixo o rexedor.
Segundo Andrés Díaz, "cando Jacobo Moreira suxeriu a construción do crematorio na Reigosa, Perfecto Rodríguez atreveuse a mentirlle á directiva da Xunta de Montes, á que asegurou que iso nunca se levaría a cabo. Logo admitiu que tramitou a licenza discretamente por petición expresa do seu amigo e empresario. E xa, finalmente, coa autorización outorgada e os deberes feitos explicou que as licenzas están regradas e non lle quedaba máis remedio que concedela".
O alcalde caldelán declarou que "para vergonza do PP de Ponte Caldelas foi Moreira quen trouxo o crematorio ao noso municipio. Para vergonza do PP de Ponte Caldelas, foi Rodríguez o que tramitou a escuras o expediente mentindo aos veciños. Para vergonza do PP de Ponte Caldelas, foi un coñecido militante deste partido o empresario que liderou a operación. E para vergonza do PP é o propio PP o que agora se queixa de que os tribunais impidan revogar a licenza".
Andrés Diaz salientou que o Concello de Pontevedra, "cando sufriu o mesmo problema", reaccionou suspendendo cautelarmente as licenzas de crematorio e, a continuación, modificando o seu Plan Xeral de Urbanismo para regular o tipo de terreos nos que se poden situar este tipo de industrias. "O Concello de Ponte Caldelas, en lugar de seguir estes pasos ou modificar, cando menos, o Plan Sectorial do polígono na franxa máis próxima ás vivendas da Reigosa, púxose do lado doutros intereses", afirmou.
Andrés Díaz conclúe que "a verdade é ben coñecida por todos os veciños de Ponte Caldelas, e moi especialmente, polos da Reigosa. Todos eles saben que ese crematorio leva gravados os nomes de Perfecto Rodríguez e de Jacobo Moreira. Méritos fixeron para elo".