Solicitan á Xunta que controle as emisións ambientais do crematorio da Reigosa
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas informou que "diante das queixas veciñais pola aparición de fume negro nalgunhas das horas de actividade do crematorio da Reigosa", vén de presentar na Consellería de Medio Ambiente unha solicitude de información sobre os controis externos e internos das emisións de gases desta instalación, un paso co que se pretende comprobar o cumprimento da normativa ambiental e sanitaria vixente.
O alcalde, Andrés Díaz Sobral, asegurou que "os tempos dos favores a Sepelios San Marcos remataron, e a partir de agora esta firma terá que xustificar o cumprimento estrito de toda a normativa, por moitos vínculos políticos, de afinidade, familiares ou laborais que o empresario teña co Partido Popular".
O alcalde explica que a empresa está inscrita no rexistro da Rede Galega de Emisións, no apartado de Actividades Potencialmente Contaminadoras da Atmosfera (Regade-Capca), xestionado pola Consellería de Medio Ambiente. Polo tanto, está obrigada a pasar controis externos e internos das súas emisións por parte dunha Organización de Control Autorizado (OCA).
Os controis externos deben efectuarse cando menos dúas veces cada tres anos e os internos mensualmente. As medicións deben acreditar que se cumpren os límites en canto a temperatura, caudal e velocidade dos gases, así como no que atinxe aos niveis de osíxeno, partículas, monóxido e dióxido de carbono, dióxido de azufre, dióxido de nitróxeno, ácido clorhídrico, compoñentes orgánicos totais e opacidade dos fumes. A opacidade dos fumes, o rasgo máis visible das emisións, debe ser avaliado tanto no interior como no exterior.
O alcalde de Ponte Caldelas di estar "especialmente preocupado" polas denuncias veciñais, apoiadas en fotografías que evidencian a emisión de "fumes de moi escuros", pois as condicións de explotación impostas na autorización ambiental sinalan claramente que "as emisións producidas non poden ser visibles en ningún caso, nin presentar valores de opacidade dos fumes superiores a 2 na escala Bacharach. O operador deberá levar a cabo observacións frecuentes da opacidade dos fumes, como mínimo cada mes. Deberá levarse un rexistro coa hora e resultado desta observación".
"O único que sabemos", afirma o alcalde, "é que sae fume negro e que o empresario declarou á prensa que é cousa dos vernices dos féretros; unha explicación moi pouco tranquilizadora e que, de feito, contradí o Regulamento de Policía Sanitaria Mortuoria de Galicia, que especifica que os féretros para cremación de cadáveres deben ser adecuados a esta actividade", engade.
Andrés Díaz subliña que o Concello e todos os veciños de Ponte Caldelas, e moi especialmente os da Reigosa, teñen dereito a saber se se teñen feito estes controis, así como os seus resultados. O Concello vai actuar no marco das súas competencias e esixirá tamén da Xunta de Galicia que faga o propio, "por moitas amistades e contactos que teña este empresario".