Xa podes escoitar PontevedraViva Radio na súa emisión en probas
Por Redacción
PontevedraViva crece. Tras tres anos e medio na rede, damos un novo paso. A partir deste luns 21 de marzo, comeza a emisión en probas dun novo proxecto: PontevedraViva Radio, unha plataforma dixital coa mesma vocación que este xornal, a proximidade a todos os pontevedreses.
Trátase dun proxecto pioneiro na cidade que usará as novas tecnoloxías para ofrecer aos nosos lectores -e a partir de agora, tamén oíntes-, unha radio en streaming que se poderá escoitar, as 24 horas do día, desde calquera computadora ou dispositivo móbil.
Ademais, a través dos podcast das nosas emisións, que se colgarán no portal de PontevedraViva Radio unha vez se estreen na emisión lineal, poderás consumir estes contidos 'á carta', onde e cando prefiras.
A través da páxina principal de PontevedraViva Radio poderase acceder a toda a programación dispoñible, ver o que se está emitindo nese momento, comprobar o que se ofrece cada día a cada hora ou recuperar aqueles contidos que non se puideron escoitar no seu momento.
Nesta primeira etapa de PontevedraViva Radio, coa fase de probas que comeza este luns 21, haberá cinco programas de produción propia.
En Cara a cara entrevistaremos semanalmente unha persoa de relevancia na cidade, Conversas na Ferrería será un faladoiro no que analizaremos a actualidade local da man de múltiples colaboradores, en La trastienda o deporte pontevedrés terá todo o protagonismo cun repaso aos últimos acontecementos, en A playlist de... coñeceremos os gustos musicais dos nosos invitados e con A familia Sachoconto escoitaremos a diario un conto en galego antes de que os máis pequenos marchen a cama.
A todos estes contidos de produción propia sumaranse reportaxes especiais que se irán emitindo de forma puntual e as pílulas informativas que, baixo o nome de Ponte ao día, achegará aos oíntes de PontevedraViva Radio toda a información na que está a traballar o equipo de PontevedraViva.
Outra das grandes apostas da programación de PontevedraViva Radio será a música dos artistas pontevedreses. Este novo proxecto radiofónico busca poñer o acento nos artistas máis próximos, os da nosa provincia. Todos os estilos, desde as formacións tradicionais ata os grupos máis vangardistas, terán o seu oco. Se es artista ou tes un grupo e queres formar parte da nosa programación diaria, ponte en contacto connosco!.
Pero a esta oferta de PontevedraViva Radio tamén se sumarán outros programas que, nesta primeira etapa, quixeron apoiar a estrea de ambicioso proxecto. Así, Carne Cruda, o programa dirixido e presentado por Javier Gallego -premio Ondas de radio en 2012-, ofrecerá os martes, mércores e xoves a súa maxistral aposta pola cultura innovadora, o activismo social, a política, a actualidade, o humor e a música.
Cada quince días achegarémonos ao mundo do cómic da man de Metrópoles delirantes, presentado por Nieves Rodríguez, un dos programas máis aclamados no ámbito cultural galego; mentres que cada venres Sara Castro traeranos Sobre todo ella, un espazo musical intimista e desenfadado con entrevistas e actuacións en directo desde os estudos de Litium Records; e El escaparate, a radio universitaria da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación completará esta oferta inicial.
Entretemento, música, información e eventos en directo, a partir do luns 21 de marzo en PontevedraViva Radio.
PontevedraViva Radio comeza este luns 21 de marzo en período de probas. Pedimos desculpas de antemán por se xorden problemas para seguir as primeiras emisións. No caso de que detectes algún erro, avísanos a través de info@pontevedraviva.com. Lembra que esta radio, do mesmo xeito que o xornal, tamén é a túa radio. Axúdanos a mellorar día a día.