Renovan dous anos máis o contrato para a explotación da rede de banda larga rural
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de prorrogar dous anos máis o contrato con Iberbanda, empresa encargada da explotación da Rede Pontevedra Banda Larga Rural (Repoblar). Esta rede wimax, que foi impulsada pola institución provincial grazas á cofinanciación do 70% con fondos FEDER da Unión Europea, ten por obxectivo dotar de banda ancha sen fíos a prezos asequibles ás zonas rurais da provincia de Pontevedra.
O proxecto europeo Repoblar, cun orzamento de 6,6 millóns de euros, abarca 55 concellos da provincia salvo Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vigo, A Estrada, Marín, Redondela e Cangas que non se adheriron ó mesmo. Actualmente a rede, que explota Iberbanda desde fai catro anos, ofrece cobertura ó 99% da poboación dos 55 concellos sumando un total de 7.760 clientes.
A rede despregada a través do proxecto Repoblar é de titularidade pública e propiedade da Deputación de Pontevedra. Iberbanda, pola súa parte, encárgase do subministro, explotación e mantemento, asumindo os custes de conservación, reparación e ampliación necesarios para a correcta prestación do servizo, así como da comercialización, xestión dos contratos de alta, baixo ou modificación, facturación, atención e soporte ós clientes e correcta prestación do servizo.
A través desta prórroga de dous anos, a Deputación de Pontevedra consegue que Iberbanda oferte, sen ningún custe asociado e coas mesmas condicións de servizo e calidade, unha mellora no prezo do servizo de 2 Mbps pasando dos 41,14 euros mensuais que pagaban os clientes ós 30,25 euros (IVE engadido).