A praia de Compostela quedará liberada do acuario de César Portela antes de Semana Santa
Por Redacción
O espazo previsto para acoller un acuario na praia de Compostela en Vilagarcía comezará a derrubarse o vindeiro luns 7, segundo comunicou a xefa territorial de Costas do Estado, Cristina de Paz Curbera ao alcalde Alberto Varela. Nun prazo de quince días espérase que os traballos queden finalizados e o areal permaneza libre e en perfecto estado para a tempada de Semana Santa.
O custo da derriba desta obra elaborada polo arquitecto César Portela alcanza un custo de 80.000 euros que financia e executa Costas. Para estes traballos foi necesario un proxecto de demolición.
A exposición pública contou coa alegación dun particular que pedía que se retirasen as paredes pero que se mantivese a plataforma como miradoiro. Con todo, foi desestimada polo organismo estatal ao entender que contradi a causa da derriba que se centra na invasión do areal e un supón unha barreira que afea o enrorno.
A demolición será realizada pola empresa Tragsa. Durante os traballos inhabilitarase como aparcadoiro o espazo que dá acceso ao acuario directamente desde a rúa Rosalía de Castro para a instalación das casetas de obra. O luns tamén se restrinxirá o aparcadoiro e o paso de vehículos no acceso ao paseo marítimo, por onde se trasladará a maquinaria de derriba.
O edificio construíuse en 1985, dez anos antes da creación do paseo marítimo e da rexeneración do areal. Esta obra nunca chegou a acoller un acuario e mesmo durante varios anos quedou sen uso ata que se rehabilitou para servir de sede do Centro de Interpretación da Ría de Arousa (CIRA).