Unha alumna do SEK, premiada no certame literario de Viaqua
Por Redacción
Chiara Ianelli Álvarez, alumna do Colexio Internacional SEK Atlántico (Poio), é unha das gañadoras da segunda edición do certame literario Relatos de auga intelixente, convocado por Viaqua no ámbito da comunidade autónoma galega.
Tras a comprobación de que os traballos se axustaban ás bases do concurso, realizadas varias lecturas dos máis de 300 microrrelatos presentados, e despois das preceptivas deliberacións, o xurado determinou que os gañadores na categoría ESO fosen dous escolares de centros educativos de Ourense, en tanto que os galardoados na categoría de Bacharelato/FP son estudantes de colexios de Santiago e de Poio.
Os premios da categoría de ESO foron para Marieta Lage Rodríguez, Colexio Santa Teresa de Jesús (Ourense) polo seu microrrelato "Mensaxe dunha pinga de auga" (primeiro premio); e para Iker Nogueiras Acebedo, alumno do Colexio Padre Feijóo Zorelle (Ourense) polo seu relato "Mirastes algunha vez?" (segundo premio).
Na categoría de Bacharelato /FP, resultaron gañadoras Inés Saá López, do Colexio La Salle (Santiago de Compostela), polo traballo "Pensamentos etéreos" (primeiro premio); e Chiara Ianelli Álvarez, alumna do Colexio Internacional SEK Atlántico (Poio) polo microrelato titulado "Inconcibible" (segundo premio).
Os gañadores recibirán como premio un Ipad Mini os dous primeiros clasificados, e un eBook, os segundos, nun acto que se celebrará nos municipios dos premiados en datas próximas á celebración do Día Mundial da auga (22 de marzo).
Como novidade, nesta segunda edición, concédese un recoñecemento ao centro escolar que máis alumnos participasen no certame, alcanzando este galardón o Colexio ourensán Divina Pastora (Franciscanas).
O xurado estivo integrado polo escritor, especialista en literatura infantil e xuvenil, José Antonio Perozo Ruíz; Francisco Omil, subdirector da ETSE-USC; Sofía Viña Díaz, asesora de programas educativos da Consellería de Educación; Susana Fernández Fernández, técnica Departamento de Explotación de Augas de Galicia; e María Teresa Abalde Sande, xurídica de Viaqua.