Rafael Catalá 'pasa revista' á Xustiza pontevedresa
Por Alejandro Espiño
Non todos os días un ministro de Xustiza visita a Audiencia de Pontevedra e por iso, como foi o caso este luns, a sede xudicial vestiu as súas mellores galas para recibir a Rafael Catalá, ministro do ramo no goberno de Mariano Rajoy, e que a pesar de atoparse actualmente en funcións segue cunha apertada axenda.
Así, Pontevedra foi a súa parada de hoxe. Na cidade do Lérez quixo reunirse con todos os operadores xurídicos da provincia -xuíces, avogados, fiscais ou procuradores- para repasar con eles o estado das reformas que se aplicaron nos últimos meses.
Catalá explicou que, entre outras cuestións, repasaron a incidencia en Pontevedra dos cambios na lei de enxuízamento civil e criminal ou todos os asuntos relacionados coa implantación das novas tecnoloxías, a través do proxecto Lexnet.
Con respecto a esta última cuestión, o ministro de Xustiza sinalou que "hay cosas que van bien y otras que generan algún problemilla" polo que quixo coñecer a opinión dos traballadores para corrixir as posibles deficiencias que teña este sistema.
Nesta reunión, acompañaron ao ministro entre outras personalidades, o presidente da Audiencia de Pontevedra, Francisco Javier Ménendez Estébanez; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; ou o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.
Ademais deste encontro na Audiencia pontevedresa, o ministro de Xustiza completará a súa xornada na provincia cunha reunión da xunta de goberno do Colexio de Avogados de Pontevedra e cun xantar de traballo en Vigo, para repasar a situación do sector na cidade olívica.