Pontevedra segue a ser pioneira na eliminación do papel na Xustiza
Por Redacción
Chegará un momento en que desapareza o uso papel da Administración de Xustiza. Ese día aínda está lonxe, pero acaba de darse un paso importante, culminación de "muchos años trabajando" aos que este mércores fixeron un repaso o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a directora da Amtega, Mar Pereira. Trátase dun visor do expediente xudicial electrónico que se está a implantar como experiencia piloto na Audiencia Provincial de Pontevedra e que ao longo deste ano 2016 está previsto que se estenda a todas as sedes xudiciais galegas.
O fiscal xefe da Audiencia Provicial, Juan Carlos Aladro, e o maxistrado da Audiencia Manuel Almenar explicaron os detalles deste visor, que ata o momento aínda está na súa "versión 1.0". Trátase dunha solución multidispositivo que xa se empezou a probar durante o mes de febreiro na Audiencia Provincial e permitirá aos profesionais da Administración de Xustiza acceder á información do expediente xudicial en formato electrónico, convenientemente ordenada e catalogada, sen necesidade de andar co procedemento en papel, pero, sobre todo, con maior comodidade, axilidade e transparencia e dende calquera dispositivo electrónico.
O visor, ao que se accede mediante certificado dixital, permite o acceso á información dos expedientes xudiciais electrónicos relacionados con cada profesional con totais garantías de seguridade. Dispón dun buscador avanzado que facilita as buscas, filtrándoas en función das diferentes características dos procedementos ou documentos. Unha vez seleccionado o expediente o visor permite consultar os procedementos, pezas e documentos que o conforman.
A ferramenta garante a accesibilidade á información en todo momento, evitando o traslado físico da documentación, coas vantaxes de axilidade, eficiencia e seguridade que iso supón. O visor irá incorporando novas funcionalidades, progresivamente, como unha axenda xudicial persoal ou o módulo de alarmas para o apoio á actividade do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.
O reto é chegar á Xustiza dixital, pero "no se llega en un día", senón que é "una cuestión compleja y de largo recorrido" cuxa planificación comezou no ano 2009, segundo deu a coñecer Mar Pereira. O visor é unha das pezas chave do expediente xudicial electrónico, xunto co sistema de xestión de arquivos físicos e pezas de convicción, que se está a probar en Ourense e a sede electrónica xudicial, que se porá en marcha este ano.
O proceso de implantación do expediente xudicial electrónico vai acompañado da dotación de equipamento. Estanse a distribuír 100 portátiles e 290 equipos de sobremesa para axustar os postos de traballo ao novo escenario dixital. O fiscal xefe da Audiencia indicou, ademais, que no caso da Fiscalía pontevedresa se vai instalar dobre pantalla para que os profesionais poidan seguir a usar nunha a súa aplicación e na outra este visor.
Ata o momento, tan só xuíces, fiscais e secretarios poden acceder ao visor, pero a idea é que a longo prazo se habilite a fórmula para que tamén poidan acceder outros profesionais do sector xudicial como avogados e procuradores e, con maiores limitacións, os cidadáns.