Os balnearios pontevedreses volven abrir as súas portas ao programa Depotermal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/24f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/53919b0ecd-mayores4.jpg)
© Asociación de Balnearios de Galicia
O programa Depotermal chega este ano con novidades. E a máis importante é que, por vez primeira, haberá unha reserva de 434 prazas gratuítas para persoas con escasos recursos económicos ou en risco de exclusión, que ata agora non podían acceder a esta iniciativa.
Así o anunciou este sábado a Deputación de Pontevedra, que disporá este ano dun total de 4.436 prazas. O obxectivo é fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, entre as que se encontran aquelas necesitadas de respiro familiar e social, con estadías en balnearios da provincia de Pontevedra.
Depotermal contará con dous programas distintos. O primeiro para estadías diúrnas nos balnearios con tratamentos de luns a venres e, o segundo, incluirá a pernoctación nos hoteis.
A estadía diúrna conta con 1.248 prazas, das cales 248 son gratuítas, e o resto contarán cunha subvención de 40 euros sobre o custe total. As prazas gratuítas serán repartidas entre os 62 concellos, tocando cada administración local a catro prazas. Para o resto das prazas se estipula tamén unha puntuación para o acceso ao programa segundo as rendas económicas dos pensionistas ou persoas necesitadas do denominado respiro social.
O segundo programa, no que os participantes pasarán cinco días de estadía nos balnearios coas súas respectivas noites, tamén de luns a venres, ofértanse un total de 3.186 prazas. Delas 186 serán gratuítas e se repartirán entre os concellos da provincia en número de tres por cada un.
Para poder optar a algunha das prazas reservadas para as persoas sen recursos, en calquera dos dous programas, os participantes deberán achegar un informe dos técnicos sociais de cada concello que acrediten a súa situación persoal que será remitido por estes servizos á propia institución provincial.
Os concellos que queiran participar neste programa deberán adherirse ao mesmo unha vez saian publicadas as súas bases no Boletín Oficial da Provincia.