O PP de Ponte Caldelas non quere participar nas mesas de contratación polas "responsabilidades xudiciais"
Por Redacción
O Partido Popular de Ponte Caldelas emitiu un comunicado co que quere saír ao paso das "ameazas" que ao seu xuízo verteu o alcalde, Andrés Díaz, "de multar aos seus concelleiros por non asistir ás mesas de contratación do concello".
Os edís do PP sinalan que como oposición "non temos obrigación nin queremos participar nas decisións de adxudicación de contratos do tripartito", xa que entenden que esa debe ser unha responsabilidade do goberno "xa que se se adxudicase irregularmente e participásemos na mesa seriamos responsables xudicialmente".
Por iso, afirman que "non queremos correr ese risco".
Desde o PP indican que eles non pediron formar parte das mesas de contratación e critican a decisión de Andrés Díaz de facerlles "corresponsables das súas decisións".
Ademais, aseguran que o labor de control ao goberno que lles corresponde facer como oposición "pódese exercer igualmente a posteriori" sen ter que formar parte da mesa, "sen que supoña ningún trastorno ao funcionamento do Concello xa que os expedientes consultámolos os sábados cando non se atende ao público".