![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ca4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/56c1ff43d8-160215-sanxenxo-05x.jpg)
© Xunta de Galicia
A Xunta e o Concello de Sanxenxo reúnense para avanzar na regularización dos núcleos do litoral
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo mantiveron este luns a primeira das reunións técnicas previstas para colaborar e avanzar na regularización dos núcleos tradicionais do litoral. Ao encontro asistiron a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o alcalde, Gonzalo Pita; o subdirector xeral de Ordenación do Territorio, Alberto Castrillo; e o concelleiro de Urbanismo, Daniel Fernández.
Os técnicos de Urbanismo da Xunta ofrecerán ao Concello de Sanxenxo todo o asesoramento preciso para que poida acreditar ante Costas do Ministerio de Medio Ambiente os fundamentos que deben permitir a regularización dos núcleos costeiros deste municipio.
Ao respecto, cabe recordar que Sanxenxo solicitou a aplicación da Disposición Transitoria Primeira para a regularización de dez núcleos: Arnosa, A Revolta, Foxos, Fontenla, Maior, Seame, Festiñazo, A Granxa, Cabicastro e Nanín.
Encarnación Rivas recomendou ao alcalde que centre a súas pretensións na xustificación da consolidación e servizos destes 10 núcleos, á vez que tramita unha modificación puntual do PXOM -aprobado definitivamente en febreiro de 2003- para incorporar as novas delimitacións destes 10 núcleos cun deslinde a 20 metros
Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, o alcalde comprometeuse a axilizar a tramitación dos expedientes co fin de solicitar un novo encontro cos técnicos autonómicos para avaliar os avances, antes de dar traslado a través dunha reunión na Dirección Xeral de Costas do Estado.