Domínguez Lino presume da súa xestión e anuncia que se manterá o actual canon de Sogama
Por Redacción
O Concello de Pontevedra derivou 29.246 toneladas de residuos urbanos durante 2015 á planta de Sogama en Cerceda, un 0,10% máis que en 2014 pero 2.761 toneladas menos que en 2008, segundo informou o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, na mañá deste xoves 4 na delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Domínguez Lino referiuse aos resultados xerais en Galicia obtidos durante 2015 na planta de tratamento de residuos como "excepcionais" indicando que, por ese motivo, manterase o mesmo canon ao longo do presente ano.
O máximo responsable desta empresa mostrouse moi satisfeito pola xestión desenvolvida durante estes últimos doce meses cunha redución de gastos e de entrada de residuos e unha maior produción de enerxía superando os 516.000 MWh/ano.
Entre outros aspectos, Domínguez Lino destacou o convenio alcanzado co Concello de Pontevedra para que o goberno de Fernández Lores afrontase a débeda de máis de cinco millóns de euros e, deste xeito, paralizar os litixios entre ambas as institucións.
Desde Sogama consideran positivo o plan de compostaxe emprendida desde a Deputación Provincial e Javier Domínguez destacou a importancia da recollida selectiva de residuos e que a sociedade que preside aposta pola compostaxe, a través dun modelo combinado co servizo que ofrece a planta de Cerceda.
Outros concellos como o de Poio destinaron ás instalacións Sogama, máis de 7.100 toneladas durante o pasado ano a través da bolsa negra e Marín enviou unha cifra próxima ás 8.250 toneladas.