Bombeiros, Médico Ballina e O Pino, punto de partida das vías sanitarias libres de lombos
Por Alejandro Espiño
O PSdeG-PSOE avanza na súa proposta para crear en Pontevedra tres vías sanitarias libres de 'lombos' na cidade, para permitir un acceso rápido e cómodo das ambulancias a centros hospitalarios, principalmente Montecelo.
Ante a inacción que ven no goberno municipal sobre este asunto "por soberbia ou desidia", segundo o seu portavoz, Agustín Fernández, os edís socialistas decidiron asumir o impulso da modificación da ordenanza de circulación de Pontevedra, cumprindo así a moción aprobada no Pleno do pasado mes de setembro.
Os socialistas apuntaron que esta proposta "non é un capricho", senón que con ela tentar dar solución a un problema "grave". Explicaron que tan só as tres ambulancias do 061 con sede en Pontevedra realizan 12.000 traslados de pacientes ao ano a Montecelo, aos que hai que sumar os "decenas de miles" dos vehículos do resto da área sanitaria norte.
Os 'lombos' que están nas principais vías de comunicación da cidade causan "molestias" nos pacientes e "retardan", segundo os socialistas, a chegada das ambulancias ao hospital.
Así, os socialistas pretenden incluír na ordenanza de circulación un novo artigo, o 78 bis, que pretende modificar o que incluíu no seu día o BNG para fixar a velocidade 30 km/h en toda a cidade e, ao mesmo tempo, "garantir unhas condicións sanitarias óptimas" nas vías de acceso a Montecelo e o Hospital Provincial, explicou o concelleiro Iván Pontes.
Establecerase a substitución destes badéns por outras medidas reductoras da velocidade como rotondas ou falsas curvas, solucións que "xa a cidade de Pontevedra adoptou recentemente en varias zonas".
En todo caso, serían os técnicos municipais os que deben indicar a solución de acougado de tráfico máis adecuada en cada punto.
As tres vías sanitarias que propoñen os socialistas, nas que actualmente hai 35 'lombos', son:
- Acceso Norte: novo acceso a Monte Porreiro por Lérez desde a N-550 en Médico Ballina (unha vez que se materialice a transferencia desta estrada ao Concello), rúas Holanda, Francia, Os Campos, Pomba e avenida de Montecelo ata o acceso ao servizo de urxencias do hospital.
- Acceso Oeste: paseo de Domingo Fontán, Juan Manuel Pintos, avenida de Compostela desde este punto ata a intersección coa avenida de Bos Aires, avenida de Bos Aires desde esta intersección ata a rotonda de acceso á Ponte dos Tirantes, José Malvar ata o cruzamento coa rúa da Seca e, a partir dese punto, A Seca e Santa Margarita.
- Acceso Sur: avenida do Conde de Bugallal, Pintor Laxeiro desde a intersección coa anterior e ata o cruzamento coa rúa Campo Santo, San Amaro, rúa Moldes ata a avenida de Montecelo e o acceso ao servizo de urxencias do hospital.
Ademais, incluirase unha disposición transitoria que obriga ao goberno municipal a presentar o proxecto de substitución dos 'lombos' no prazo máximo de seis meses, actuacións que deberán estar executadas en doce meses. Esixirase tamén a paralización cautelar da construción de novos badéns nas vías de acceso a Montecelo.
Relacionadas:
-
Novo intento do PSOE por lograr a creación de vías sanitarias libres de lombos
Por Redacción |
-
O Concello non seguirá tramitando a moción socialista para crear as vías sanitarias
Por Alejandro Espiño |
-
Un informe municipal avala ao Concello, segundo Bará, para non retirar os lombos
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición obriga o goberno local a unificar os futuros lombos segundo a normativa de Fomento
Por Oskar Viéitez |
-
O PSdG pide explicacións a Lores sobre a negativa de Luis Bará a cumprir un acordo plenario
Por Redacción |
-
Os socialistas aprecian un "fin de ciclo" no Concello e un alcalde "case desaparecido"
Por Redacción |
-
Decepción no PSdeG-PSOE pola normativa 'anti-lombos' presentada polo PP
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG, disposto a preguntar barrio por barrio se os veciños queren retirar os lombos
Por Redacción |