Na praza do Corgo, Portos de Galicia recada e O Grove paga a limpeza e o uso
Por Redacción
A praza do Corgo, unha das principais zonas de actividade do Grove, vive actualmente nunha inxusta dualidade. Así o asegura o goberno municipal, que pretende facerse coa titularidade de gran parte de este espazo, actualmente adscritos a Portos de Galicia pola súa proximidade co peirao da vila.
No momento actual, o Concello do Grove ten que facer un importante desembolso para manter esta zona a pesares de que non conta con ningún tipo de ingreso pola mesma.
Portos recada a correspondente taxa de ocupación por parte das terrazas e incluso polos inmobles municipais situados nestes terreos -edificio do Concello, Praza de Abastos, Casa da Terceira Idade e Pavillón Náutico- pero é o Concello do Grove o que se encarga do mantemento destes edificios e da zona en xeral, facéndose cargo da electricidade, subministro de auga, xardinería e limpeza da totalidade da zona.
A todo isto deben engadirse os gastos adicionais que Portos recada polo uso destes terreos para festas ou eventos e, de xeito sistemático, polo mercado semanal que se celebra os venres polo que se están abonando case 2.000 euros mensuais.
Isto fai necesario, segundo o alcalde, normalizar a situación. José Cacabelos recoñece que se trata dun proceso administrativo longo e complexo que debe ser levado de xeito parello a negociación con Portos para buscar solucións a este problema, a pesar de que ata o de agora o organismo autonómico negouse a ceder estes terreos ao municipio.
Inicialmente o proceso só contempla unha zona da Praza do Corgo e a zona do mercado e a Casa da Terceira Idade, atopándose o relativo a zona de Terra de Porto e de Beiramar en estudo por parte dos técnicos municipais para buscar solucións semellantes.
Se este trámite é apoiado no próximo Pleno da corporación municipal, O Grove solicitará que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da súa delegación en materia de Costas, reverta a adscrición dos terreos referidos por non destinarse a fins portuarios. A referida solicitude irá acompañada dos informes técnicos xurídicos e urbanísticos que avalan a situación actual dos terreos.