O Concello do Grove amosa a súa preocupación pola "falta de rumbo" de Portos de Galicia
Por Redacción
O Goberno local do Concello do Grove reclama, unha vez máis, que Portos de Galicia "asuma as súas responsabilidades e atenda ás necesidades reais que, como entidade pública, debe atender".
Advirten de que é preciso que o ente público realice os investimentos precisos ou permita ao Concello recuperar os terreos e infraestruturas que xa non teñen uso portuario. Nun comunicado, o Concello meco engade, no relativo á Náutica recreativa, "que Portos deberá asumir que O Grove precisa un novo Porto pesqueiro e, unha vez solucionado isto, conseguir o Porto Deportivo que unha vila como esta sı́ precisa".
O Concello do Grove participou a pasada semana na xornada sectorial de presentación do "Plan Estratéxico de naútica recreativa: revisión 2020-2028" convocada por Portos de Galicia na sede da EGAP en Santiago de Compostela. A presentación realizada por parte do presidente do ente autonómico e os técnicos da entidade causou unha "fonda preocupación no Concello", tendo en conta a "total falta de obxectivos sociais e de responsabilidade pública de Portos".
O Director de Portos de Galicia, José Ignacio Villar, foi o responsable de expoñer a revisión do Plan Estratéxico da náutica recreativa facendo especial fincapé nunha análise de resultados económicos e da "clientela" o que "deixa ver o espı́rito recadador desta entidade, que plantexou esta reunión como se dun encontro de accionistas se tratara".
Segundo o Concello, logo de aportar datos parciais sobre a ocupación para os portos deportivos da Comunidade "evitando falar da descompensación de prazas en lugares turı́sticos fronte outras fontes" indicouse que non existe necesidade de instalacións novas, "amosando un claro descoñecemento da realidade actual e facendo ouvidos xordos á s demandas dos sector náutico, tanto recreativo como de pesca, e, por suposto, as demandas sociais presentadas, como é o caso do Grove".