Sanxenxo xa pode pedir a declaración de BIC para o Pazo de Quintáns
Por Oskar Viéitez
A Deputación acaba de entregar ao Concello de Sanxenxo o Plan Director de Rehabilitación e o Plan de Usos e Proxecto básico de execución da primeira fase de recuperación do Pazo de Quintáns.
Segundo explicou o alcalde, Gonzalo Pita, despois do encontro mantido coa presidenta da Administración provincial, Carmela Silva, este Plan Director era necesario para completar toda a documentación requirida pola Consellería de Cultura para tramitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) de Galicia do Pazo de Quintáns na súa categoría de "Monumento".
Pola súa banda a presidenta provincial, Carmela Silva, lembrou que, ademais de incrementar a protección do inmoble, a declaración de BIC permitiría ao executivo local acceder ao financiamento do Ministerio de Fomento a través do 1,5% que se reserva para fins culturais.
A este respecto, a titular de Fomento, Ana Pastor, emprazou ao Concello de Sanxenxo a remitir ao ministerio a certificación desta edificación como BIC e o comprobante da súa titularidade.
Gonzalo Pita adiantou que o goberno local ten o "ambicioso" proxecto de rehabilitar esta edificación que data do século XVII, cuxa estrutura presenta graves problemas agravadas nos últimos anos pola falta de mantemento. O custo elevaríase ata os 2,2 millóns de euros.
O Concello quere convertelo no Museo da Lanzada
En canto aos seus usos, o Concello quere convertelo no Museo da Lanzada. Moitas das pezas extraídas na escavación da Lanzada están no Museo de Pontevedra e recolocaríanse no Pazo.
O alcalde sinalou que o goberno local analizará o proxecto para "explicárselo al conjunto de los vecinos" xa que "ahora ya tenemos algo y ya podemos decir que las cosas se están cumpliendo". Referíase o rexedor á promesa incumprida polo anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán que anunciara a rehabilitación do inmoble para a súa conversión nunha Escola de Hostalería.
"Los hechos hablan por si solos", dixo este venres Gonzalo Pita tras agradecer a "seriedad" do novo goberno da Deputación.
Relacionadas:
-
O Pazo Quintáns, a un trámite de ser declarado BIC
Por Redacción |
-
Inician os trámites para a declaración como BIC do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Os veciños de Noalla coñecen o proxecto previsto para o Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Sanxenxo solicita a declaración como BIC do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
O Pazo de Quintáns e a rexeneración das praias centran a reunión do alcalde con Ana Pastor
Por Diego Espiño |
-
O convenio para o proxecto de rehabilitación do Pazo de Quintáns amplíase tres meses
Por Redacción |