Sanxenxo solicita a declaración como BIC do Pazo de Quintáns
Por Redacción
Que o Pazo de Quintáns sexa declarado Ben de Interese Cultural de Galicia (BIC). É a petición que realizou o Concello de Sanxenxo á Consellería de Cultura. Xa se remitiu toda a documentación necesaria para ser incluído na categoría de monumento.
Esta catalogación, que incrementaría a protección do inmoble ao pasar a formar parte do patrimonio cultural estatal, permitiría tamén ao executivo local acceder a novas vías de financiamento para a rehabilitación dun pazo emblemático que o goberno local quere converter nunha Escola de Turismo.
Será a Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, dependente da Consellería de Cultura, a que agora deberá estudar a documentación enviada desde o Concello de Sanxenxo e emitir o correspondente informe.
O goberno local ten intención de rehabilitar esta edificación, adquirida polo Concello en 2006, cuxa estrutura presenta deficiencias debido ás dificultades que tiñan os seus antigos propietarios para atendelo debidamente e que se viron incrementadas pola falta de mantemento dos últimos anos.
A Deputación de Pontevedra redacta na actualidade un Plan Director e un Plan de Usos que determinarán as liñas básicas de actuación no que á restauración refírese, pero será necesario xestionar o financiamento para levar a cabo os traballos.
No amplo dossier remitido a Cultura, no que se inclúe documentación gráfica de diferentes espazos do pazo, recórdase que o inmoble xa está incluído no inventario de bens culturais da Dirección Xeral de Patrimonio.
En canto á parte histórica que converte o inmoble en monumento faise constar que o Pazo de Quintáns relacionouse cun Morgado fundado o 24 de agosto de 1483 polo mariscal Suero Gómez de Sotomayor.
CARACTERÍSTICAS DO PAZO
A súa estrutura actual remóntase ao século XVII e recoñécese a Pedro Paadín como fundador da casa e capela de Quintáns, pois está presente en diferentes documentos dos anos medios do século XVII.
O pazo foi obxecto dunha remodelación a finais dese século polo arquitecto Antonio de Monteagudo, e responde a unha tipoloxía moi usual neste tipo de casa, cunha planta en escuadra para a súa edificación principal. Trátase dun edificio con planta en forma de L de baixo e piso. Conta con dúas fachadas, unha disposta no lado maior do seu perímetro, a fachada principal e a outra orientada ao sur, no lado menor do devandito perímetro.
Na fachada principal sitúase un longo miradoiro, que ampara un espazo con soportal, enlazado cunha escaleira exterior de pedra, todo iso elaborado con traballados balaustres barrocos.
Na fachada sur, de condición máis pública, destaca unha balaustrada de madeira sobre tres canzorros de pedra, a modo de balcón voado, e dúas columnas nos extremos que soportan o tellado. Comunícase co interior da cada a través de dúas portas acristaladas e a decoración, datada nos primeiros anos do século XVIII simular, como na fachada principal, o barroco.
A documentación remitida fai referencia tamén á conservación na capela dunha talla da virxe da Quinta Angustia, situada sobre o altar. Mantéñense tamén dous escudos heráldicos nas fachadas exteriores.
Relacionadas:
-
Inician os trámites para a declaración como BIC do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Os veciños de Noalla coñecen o proxecto previsto para o Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Sanxenxo xa pode pedir a declaración de BIC para o Pazo de Quintáns
Por Oskar Viéitez |
-
O Pazo de Quintáns e a rexeneración das praias centran a reunión do alcalde con Ana Pastor
Por Diego Espiño |
-
O convenio para o proxecto de rehabilitación do Pazo de Quintáns amplíase tres meses
Por Redacción |
-
Sanxenxo busca a complicidade da Xunta para apuntalar o futuro do turismo local
Por Redacción |