Xa hai para botas
Por Natalia Puga
A Dirección Xeral da Policía aprobou no mes de decembro unha macro compra de prendas dos uniformes dos axentes da Policía Nacional que nos próximos días poderá poñer fin a unha problemática que levaban meses denunciando os sindicatos policiais e que, no caso de Pontevedra, tivo os seus días máis complicados durante os últimos temporais: a falta de pezas, pero, sobre todo, o mal estado de conservación das botas.
O comisario provincial, Manuel Bouzas, e o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, cren que con esta adquisición de pantalóns, camisas e botas solucionarase a situación.
O sindicato UFP denunciou esta semana que, durante os días de temporal, a situación complicouse, con botas totalmente esnaquizadas que provocaron que os policías tivesen que traballar cos pés mollados, das que difundiron fotos. O comisario referiuse a esas imaxes, publicadas en varios medios de comunicación, e asegurou que, polo que el coñece, tan só hai dous casos na provincia de axentes "con las botas en el estado calamitoso que vemos".
Si recoñece o problema, pero matiza que "tampoco estamos en una situación de precariedad tal que parezca que los policías van descalzos". Segundo explicou, cada tres meses reúnese coas asociacións sindicais e, dos mil policías que hai en Pontevedra, só trasladáronlle dous casos de axentes coas botas en tal mal estado e algún problema de funcionarios que levan unha talla moi grande de calzado.
En todo caso, tras o novo concurso para renovar a uniformidade, o comisario confía en que a provincia de Pontevedra teña a subministración necesaria para prestar unha subministración adecuada e conforme. Será "cuestión de días" que as novas botas estean xa na comisaría, pois o subdelegado do Goberno asegurou que o material xa está na Dirección Xeral, en breve chegará a parte que o corresponde á Xefatura Superior de Galicia e de aí repartirase a todas as comisarías. Chegarán as "necesarias para todos los policías que lo necesiten", pero non poden concretar o número.